Mostrar mensagens com a etiqueta á escoita. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta á escoita. Mostrar todas as mensagens

Madrith

Fotografía de Felipe Gabaldón en Flickr.
141. Probablemente este texto de Séchu Sende teña a súa orixe noutro anterior, na Fábula del castellanoparlante, unha carta ao director dun xornal publicada no ano 1989. Le os dous textos:
a) Que coincidencias atopas?
b) E diferenzas?
c) Cres que os motivos para escribir estes textos con vinte anos de diferenza son os mesmos? Cres que variou ou non a situación dos galego falantes para educar os seus fillos en galego? En caso afirmativo explica os cambios que cres que se produciron.

142. Que tipo de situación lingüística describe o texto? Xustifícao con exemplos do texto.

143. O autor válese da parodia como recurso humorístico para denunciar unha situación real. En que consiste unha parodia? Enumera as dificultades que se atopa a protagonista do texto para desenvolver a súa vida en castelán. Cres que ten razón nas súas queixas? Aplica estas mesmas situacións no caso galego. Acontece o mesmo? Por que cres que o que considerariamos un despropósito para o castelán é algo  maioritariamente aceptado como normal para o galego?

144. Realizade unha adaptación en podcast deste texto, tede en conta que ao se tratar dunha parodia sería interesante que salientárades especialmente as características fonéticas e as curvas de entoación para conseguir mellores efectos humorísticos. 

A superficie das palabras

Fotografía de arquera en Flickr.

54. Adrián Nimo quería ser un descubridor de sona mundial. Elaborade unha listaxe de grandes descubridoras e descubridores da historia.

55. Filoloxía vén de FILO "amigo" e LOGO "palabra". Indica outros termos que conteñan estes elementos e sinala o seu significado.

56. O profesor Nimo compara a superficie das palabras do galego coa doutros idiomas? Con cales? Onde se falan eses idiomas?

57. As linguas flexivas, nas que as palabras poden conter prefixos e sufixos, terán as palabras máis longas ou máis curtas? Xustifica a túa resposta.

58. No texto cítanse varios alfabetos, cales? Que é un alfabeto? Investigade a orixe dos diferentes alfabetos.

59. Que características da entrevista podemos atopar no texto?

60. Realizade unha versión en podcast do texto.

Ás veces sinto que no meu país faltan palabras


Beatriz D., unha alumna do IES A Cachada de Boiro, recita este texto nun festival do instituto.
72.  Formalmente que caracteriza este texto fronte ao resto dos incluídos no volume?

73. Ao longo do poema vaise facendo referencia a ámbitos de uso da lingua. A cales?

74. Lembras as seis funcións sociais da lingua: de identidade, familiar, laboral, local, institucional, cultural e internacional?  Explica en que consisten e sinala a cales delas fai referencia o poema de Séchu Sende.

75. Por que cres que hai xente que sente ganar de abrarzar un neno pequeno cando ve que fala en galego? Por que cres que hai xente que che sorrí cando falas en galego? Cres que existen algunha explicación de carácter lingüístico para ese tipo de actitudes? Intenta explicalo.

76. A que se refire o último verso da segunda estrofa "antes de que sexa demasiado tarde"?

77. A quen están dirixidos os dous últimos versos? Que significado teñen?

Lidia Iglesias Vaamonde, Belén Rouco Sánchez e Uxía Souto Alonso están orgullosas do galego. ENDL do IES As Fontiñas de Santiago de Compostela.

78. Séchu Sende creou un poema partindo do que sentía respecto á realidade lingüística qu e o rodea. Fai ti o mesmo, dálle forma poética aos teus sentimentos e vivencias respecto do galego. 

79. Realizade un podcast cun recitado da composición,  fixádevos en respectar a vocalización, o ritmo e a entoación apropiadas. Axudaría a que quedase mellor poñerlle algunha música de fondo que lle acaia.

Estou contigo

Fotografía de Pink Sherbet Photography en Flickr.

86. A quen se dirixe esta historia?

87. Cando o sabemos? Ata ese momento que é o que pensamos?

88. Se eliminásemos a última liña cambiaría a interpretación do texto?

89. Preparade unha lectura dramatizada do texto, logo escollede a mellor realizada e gravádea nun podcast para compartila na rede.

90. Explica a túa relación sentimental con cada unha das linguas que coñeces.

91. Por que motivos cres que Séchu Sende decidiu cerrar con este texto o libro?

92. Que relación garda este texto co significado xeral da obra?

93. A mocidade, os rapaces e rapazas coma ti, viven en Galicia de xeito diferente as súas vivencias coa lingua. Vede o documental Linguas cruzadas onde atoparedes como outros mozos e mozas afrontan esta cuestión.


94. E vós como vos levades co galego, realizade individualmente o test A lingua e ti que inventou Séchu Sende, e logo comentade se credes que o resultado reflicte a vosa relación real coa lingua. 

95. Elaborade o voso propio vídeo de linguas cruzadas onde recollades as vosas propias vivencias sobre o galego e o castelán en Galicia.

Sssssh

Imaxe de Contrast.

215. Ssssh é unha reflexión sobre a comunicación humana, e sobre as diferentes formas de levala a cabo. Indica diferentes formas de comunicación presentes no texto.


216. A protagonista elabora todo un código de signos xestuais para se comunicar coas persoas que a rodean. Agora ides realizar un traballo colaborativo consistente nunha exposición de colaxes sobre comunicación xestual. Fases de elaboración:
1ª fase: Collede unha cámara de fotos ou o voso móbil e realizade o voso propio catálogo de signos xestuais. Deben aparecer como mínimo os seguintes: aburrimento, alegría, anoxo, bico, noxo, preocupación, sexy, sono, sorpresa, sospeita.
2ª fase: Recompilade todas as fotografías e agrupádeas polo tipo de expresión: aburrimento, alegría, anoxo, bico, noxo, preocupación, sexy, sono, sorpresa, sospeita.
3ª fase: Elaborade dez paneis de gran tamaño cos seguintes títulos: Morro de aburrimento / Estoupo de ledicia / Estou anoxad@ contigo / Regáloche un bico / Que noxo! / Onde están as chaves? / Ummm, cada día estás mellor! / Caio co sono / Que sorpresa!  / Quen o fixo? En cada panel pegaredes as fotografías correspondentes a esa expresión.
4ª fase: Colocaredes os paneis na vosa aula ou preferentemente nun lugar público do instituto para amosar o resultado do voso traballo. 
5ª fase: Se queredes podedes facer unha montaxe en vídeo da vosa exposición mediante a sucesión rápida das imaxes ou calquera outra técnica que decidades. 

217. Ademais, no texto tamén atopamos unha reflexión sobre as distintas necesidades de comunicación que cada un ou unha de nós temos. Como cualificarías ti as necesidades de comunicación da protagonista? Identifícaste con ela neste sentido? As túas necesidades comunicativas son maiores ou menores? Escribe unha listaxe das persoas coas que falas ao longo do día. Logo escribe outra listaxe coas persoas coas que realmente cres que te comunicas. Que diferenzas atopas entre unha listaxe e outra, con que criterios seleccionas as persoas coas que te comunicas. Nestas listaxes usaches o termo comunicación no seu sentido lingüístico de transmisión de información ou utilizaches o termo con outro significado? De ser así, explica con cal.

218. Elabora unha adaptación en podcast da historia de Séchu Sende.

219. Este texto convídanos ao estudo das onomatopeas. Investiga que é unha onomatopea e cales son os seus usos máis frecuentes.

Imaxe de borkur.net en Flickr.

220. As onomatopeas son un recurso fundamental na linguaxe da banda deseñada. Agora ides realizar un traballo colaborativo consistente na elaboración dunha presentación ou vídeo mediante a recompilación de onomatopeas visuais. Para isto é conveniente que vos repartades en tres grupos:
Grupo 1 - (o que necesita menos membros) procurarán exemplos de onomatopeas en Internet, preferiblemente imaxes con licenza compartida (Creative Commons). Os arquivos que atopen clasificaranos en cartafoles segundo o significado da onomatopea e numeraranos. Logo, nun arquivo de texto, incluirán  unha táboa cos seguintes datos: o número  de cada arquivo de imaxe, o cartafol no que está incluído o arquivo en función do significado da onomatopea e a referencia, isto é, a autoría da imaxe (co enderezo linkeado) e o lugar onde se pode atopar. Aquí tes un exemplo da táboa.

Grupo 2: procurarán exemplos de onomatopeas nos fondos da vosa biblioteca escolar (fundamentalmente nos cómics). Unha vez atopados, escanearanos adxudicándolle a cada arquivo un número, logo levarán a cabo unha clasificación como a realizada polo Grupo 1 coas imaxes provenientes de Internet. A diferenza do Grupo 1, neste caso deberán indicar na referencia o autor, título e ano da publicación de procedencia.
Grupos 1, 2 e 3: Realizarán paralelamente un traballo de invención de novas onomatopeas.
Grupo 3: O terceiro grupo asumirá o labor de montaxe da presentación ou vídeo. En primeiro lugar deberán recompilar o material dos outros grupos e reordenalo por cartafoles semellantes para despois, unha vez unificados os cartafoles, ordenalos segundo o tipo de significación. É importante que no produto final queden claras as significacións das diferentes onomatopeas.

221. Elabora unha adaptación en banda deseñada da historia de Séchu Sende.

222. Agora tócache escribir a ti. Debes inventar unha historia que cumpra as seguintes condicións:
a) Extensión mínima de 300 caracteres.
b) Que manteña un argumento lóxico.
c) Que conteña o máximo número de onomatopeas.
Escollede as dúas mellores historias e realizade con elas un podcast ou unha banda deseñada.

Uf

223. Imos analizar como o autor xoga cos elementos textuais.

O romanesco é un tipo de coliflor que constitúe un exemplo perfecto
na natureza de xeometría fractal. [Fotografía de tanakawho.]
Esta historia breve está construída ao redor de 2 recursos estilísticos:
a) O primeiro recurso consiste na repetición dun elemento. Cal cres que é? (pista) 
b) O segundo recurso consiste na variación dun elemento. Como se chama este recurso? (pista)
Cal é o elemento que varía?

224. Agora imos traballar na reciclaxe e no deseño de camisetas.


a) Precisades:
1 camiseta con publicidade
Pinturas/Rotuladores/Pinceis
Papel de xornal vello para poñer debaixo da camiseta.
b) O obxectivo é adaptar a publicidade da camiseta previa a un novo deseño que terá que xogar coas palabras creando novas mensaxes. Para isto teremos que eliminar elementos da camiseta e cambiar/superpoñer outros.

225. Esta historia é tamén moi apropiada para elaborardes un podcast. Tede en conta as seguintes recomendacións:
  • Necesítanse tres persoas: narrador/ora, ela, el. 
  • Precísase un ruído de cafetería de fondo.
  • Atención especial á entoación dos puntos suspensivos.
  • Atención especial á entoación das interrogativas.
226. Ou se vos gustan máis a animación e o vídeo podedes elaborar as vosas adaptacións neste formato. Fixádevos no que fixeron Cristian Feijóo Gómez e Abel Blanco Fernández do club de lectura Colegas das Palabras do IES Julio Prieto Nespereira de Ourense. 


á escoita

[Imaxe de OllyHart]

Ao ler algúns dos textos de Made in Galiza parécenos estar escoitando a historia. Iso é o que queremos que fagas aquí, queremos que nos contedes algunhas das historias do libro.

EU nunca serei yo

Rapaz manifestándose en Compostela a favor do galego.

110. Investiga que é un microconto. Logo argumenta por que podemos considerar este texto un microconto.

111. Os pronomes persoais eu e yo neste texto non teñen o seu significado gramatical habitual senón que adquiren unha nova significación. Explica todo o que poden significar eu e yo neste contexto.
Cartel en Aturuxo! (Boiro) baseado na frase do conto de Sechu Sende coa imaxe do cadro O berro de Edvard Munch.
112. En 2007 o xornal Galicia Hoxe facíalle unha entrevista a Séchu Sende, nela podemos atopar o seguinte:
Que quere dicir a frase ‘Eu nunca serei yo’?
Foi a orixe do libro. Foi un verso dun poema. Regaleille á miña moza unha camiseta con ese verso. É un verso contra a colonización cultural, na tradición da poesía de resistencia. Quen proclama iso anuncia que forma parte dunha cultura que non se vai deixar asoballar nin desaparecer.
Coincide a intención do escritor coa que ti lle atribuíches ao texto? Cal é a diferenza ou diferenzas?

113. Este microconto funciona a xeito de lema. Segundo a Wikipedia, un lema é unha frase, xeralmente curta, que trata de impulsar unha idea como base dunha actividade, empresa, sociedade, etc. como "Citius, altius, fortius: 'Máis rápido, máis alto, máis forte' que é o lema en latín dos xogos olímpicos. Inventade novos lemas que sirvan para a defensa do galego.

114. Esta frase ademais de ser unha defensa do galego indica tamén unha reafirmación na defensa do propio, do más íntimo que son eu, a miña propia persoa. 
En 2010, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística lanzou unha campaña publicitaria baseándose nesta idea.



O que se pretendía transmitir con esa campaña é o seguinte:
Que ter unha lingua propia é unha SORTE, non unha desgraza, é un ORGULLO, non un problema...
Porque hai quen se empeña en ver, ou en facer ver, o galego coma un problema, e non o é, é un motivo de ORGULLO.
Por iso lanzamos esta campaña, para PRESUMIR do que somos, do que temos, do noso, para FACHENDEAR da nosa lingua.
E ese orgullo a nós xa nos vén de vello, e herdámolo de moitos que se esforzaron antes ca nós pola lingua, pero queremos que se estenda e que dure, por iso deseñamos esta campaña non como algo puntual, senón coma unha campaña que nos gustaría que fose duradeira no tempo, igual ca o ORGULLO de ter unha lingua propia, un patrimonio que debemos conservar.
O ORGULLO por ter unha lingua de futuro que –se queremos– podemos utilizar en todos os ámbitos.
O ORGULLO por ter unha lingua que nos abre camiños á comunicación con millóns de persoas no mundo.
O ORGULLO de ter unha lingua de noso.

a) Observa agora estes catro vídeos da campaña e contesta para cada un a estas preguntas: Cal é o obxectivo xeral? Cal é o ámbito de normalización que pretende? Cres que deixa clara a súa mensaxe? Que provoca en ti así de primeiras?
 




b) Cres que esta campaña ten razón no que di? 
Se a túa resposta é Si vai a c).
Se a túa resposta é Non vai a d).
c) Cres que o estudo desta campaña vai cambiar en algo o teu comportamento lingüístico? 
Se a túa resposta é Si, explica en que cres que o vai cambiar.
Se a túa resposta é Non vai a e).
d) Razoa con argumentos a túa resposta negativa.
e) Dis que cres que a campaña ten razón pero que non vas cambiar en nada, se falas galego sempre non fagas nada máis. Se non falas galego sempre intenta explicar o porqué da túa contradición.

115. Se estás de acordo coa campaña elabora un argumentario de por que ti nunca serás tu. Logo podedes sumar os vosos argumentarios e montalos en banda deseñada, podcast ou vídeo. Se o desexades tamén lle podedes enviar o voso material á Coordinadora de Equipos para que o publicite (correo@coordinadoraendl.org).

116. Deseñade diferentes camisetas co lema de Séchu Sende.