Mostrar mensagens com a etiqueta acción. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta acción. Mostrar todas as mensagens

Curtametraxe

Pexegos de Xornal Certo en Flickr.
80. A estrutura da narración é aberta ou cerrada? Que final lle escribirías ti á historia?

81. Este conxunto de catro textos chámase curtametraxe porque constitúen o guión dunha produción cinematográfica dese tipo. Pois propoñémosvos que fagades con eles a curta para a que foron creados.
Tede en conta o que é unha escena e procurade respectar a división en catro escenas deseñada por Séchu Sende.

Unha palabra común



240. Cal é o significado xeral do texto?

241. Le estas palabras do texto:
"Aprendín moi cedo que son única, que ningunha outra palabra pode substituírme, como nos pasa a todas as palabras do mundo."
a) Concordas con esta afirmación?
b) Cres que se refire a unha substitución de palabras entre diferentes idiomas ou dentro do mesmo idioma?
c) Se se trata dunha substitución dentro do mesmo idioma, daquela que función desempeñan os sinónimos?

242. No texto establécense dous tipos de palabras alleas, os préstamos e os castelanismos, en que se diferencian? Cal é papel de cada un deles dentro da nosa lingua?

243. Sinala cal foi a estratexia de invasión dos castelanismos no seo da sociedade (clases sociais, ámbitos profesionais, localización xeográfica...).

244. Cal é actitude final? É positiva ou negativa? Onde reside o segredo para impedir a invasión dos castelanismos?

245. Realizade unha adaptación en vídeo desta historia.

Um lugar sem palavras



227. Por que cres que ás persoas aventureiras do mundo desenvolvido as atrae tanto o feito de estar en lugares onde nunca antes chegara outro occidental?

228. Investiga cal é a problemática do curdo.

229. Como se comunican os habitantes de Varba? Indica diferentes sistemas de comunicación non verbal que coñezas.

230. Que pensas ti da promesa heroica de silencio realizada polos habitantes de Varba mentres non lles devolven a súa lingua?

231. Realizade unha adaptación en vídeo desta historia.

Nh positivo

Fotografía procedente de O guindastre.

152.  Neste texto o autor reflicte a problemática normativa a través da discusión entre os grafemas "ñ" e "nh". A quen representa o ñ? E o nh?

153. Investiga que é o lusismo e resúmeo coas túas propias palabras. Entre outras fontes, podes atopar información no Portal Galego da Língua.
 Neste vídeo podes ver unha actividade do alumnado do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces consistente na repartición de poesía lusófona por toda a súa vila.

154. Despois de leres o texto e de investigares o que é o lusismo cal é a túa opinión sobre esta cuestión normativa do galego?

155. Agora convidámoste a que leas a seguinte entrevista que lle realizaron a Séchu Sende en agosto de 2010 a raíz da publicación da súa obra Animais. Fíxate especialmente naquelas preguntas relacionadas co reintegracionismo e logo contesta as seguintes cuestións. Que pensas do que di Séchu Sende na entrevista? Cres que a súa postura sobre a cuestión normativa é excluínte ou aglutinadora? Mudou coa lectura da entrevista a túa opinión sobre o reintegracionismo? Debatede sobre este tema na aula.


156. Realizade unha curta sobre esta historia con algunha técnica de animación.

Eu fixen ouigha co espírito de Castelao

104. Aquí tedes dúas curtametraxes baseadas neste relato de Made in Galiza.
A primeira foi realizada no IES Leliadoura durante o curso 2007-08, froito dun Obradoiro Audiovisual organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, Impinxidela, e impartido pola cooperativa Fungo, de Boiro. Para ver máis vídeos de Impinxidela clica aquí.



A segunda foi gravada e estreada no IES Neira Vilas de Oleiros con motivo da visita de Séchu na Semana Intercultural 2010, o 18 de marzo.


105. Se aínda tes ganas de atreverte coa ouigha, visita o blog de Sechu clicando aquí e sigue as instrucións.



106. Inventa unha historia na que a través dunha ouigha entres en contacto con personaxes históricas galegas.

107. Logo podedes escoller as mellores historias e realizardes unha adaptación cinematográfica.

108. De que forma o autor consegue introducir o humor no relato?

109. Por que cres que se poñen en contacto con Castelao e non con outra persoa calquera? Que imaxe tes ti de Castelao?

Estudio sociolingüístico sobre a mocidade baixo os efectos das drogas


96. Neste texto utilízanse dous rexistros de lingua claramente diferenciados. Cales son? Para que se emprega cada un? 

97. Localiza a través de que elementos o autor utiliza o humor e consegue provocar o riso. 

98. No vocabulario do relato podemos atopar léxico específico dun campo do saber. De cal? Que é un tecnicismo? Cales atopas no texto? Indica o seu significado.

99. Cres que as categorías que establece o relato se corresponden con actitudes reais na mocidade galega actual? Trátase de actitudes coherentes ou contraditorias? Xustifica a túa resposta.

100. Imos ver que imaxe de actitude lingüística proxecta cada un de nós. Partindo da listaxe do alumnado da aula, cada persoa vai ir adxudicándolle a cada compañeiro ou compañeira unha das categorías do estudo para ver que categoría cremos que predomina na aula. O resultado é positivo ou negativo cara ao galego? 

101. Agora trátase de que ti avalíes a túa propia actitude. Identifícaste con algunha das categorías do estudo? Existe diferenza entre a clasificación que ti mesmo e aplicas e a que che aplicou o resto da aula? En caso afirmativo, a que cres que pode ser debido iso?

102. Se non tes claro aínda como che vai coa lingua ou se cres que xa estás de volta da lingua tamén deberías ler a obra de Séchu Sende Guía sexual da sociolingüística porque sempre está ben saber diso de como se introducen as linguas.

103. Realizade unha adaptación en vídeo desta historia, é moi importante que traballades ben a interpretación dos diferentes rexistros lingüísticos.

A primeira boneca que fala galego




47. Estas presentacións son a adaptación en fotonovela de tres dos relatos do libro realizada polo alumnado do club de lectura Deleria do CPI de Carral. Cal é o título dos tres textos adaptados?

48. Localiza no texto características propias da entrevista.

49. Localiza no texto características propias da lingua oral.

50. Cres que unha boneca é importante para un neno ou unha nena? Tiñas algún boneco ou boneca favorito? Que significaba para ti? 

51. Que opinas de que non existan xoguetes deste tipo que falen en galego? Cres que esa carencia limita o dereito dos nenos e nenas a seren criados en galego? Xustifica as túas respostas. 

52. Moitas veces non mercamos agasallos en galego para os nenos e nenas por descoñecemento, por iso a xente do ENDL e da Biblioteca do CEIP Vicente Otero Valcárcel de Carral elaboraron un catálogo de agasallos de nadal en galego. Clica aquí para velo.



53. Credes que poderiades facer unha adaptación en vídeo diferente desta historia? Facédea e ensinádea, estamos desexando vela.

A fábrica de palabras

Fotografía de Chesi en Flickr.


19. Cales son as palabras máis vendidas? A que cres que é debido isto?

20. Que son os neoloxismos? Escribe vinte neoloxismos de uso frecuente en galego. 


21. Fíxate como o autor constrúe o texto a base de neoloxismos e expresións do mundo da empresa e os negocios. Localízaos. Que consegue con isto? 


23. Cales son as estratexias seguidas polo inventor do Verba para introducir na sociedade o seu produto? Existe algunha semellanza entre o espallamento do Verba e a introdución do castelán en Galicia? Xustifica a túa resposta. 


24. Imaxina que tes a posibilidade de rexistrar en propiedade 10 palabras. Cales escollerías. 


25. Os eco-lingüistas do texto denuncian a aparición dos procesos de substitución lingüística e a perda da liberdade de expresión. Por que son malos os procesos de substitución lingüística? Pon exemplos deste fenómeno no galego. Por que o Verba provoca a perda da liberdade de expresión? 


26. Existen linguas naturais e linguas artificiais. Que cres que pode ser unha lingua natural? E unha lingua artificial? 


27. Na Galipedia atopamos que o lingüista Charles F. Hockett estableceu 15 características que debe posuír unha lingua para ser considerada natural. Observade estas características e demostrade se o galego as cumpre ou non mediante viñetas ou vídeo. Para facelo, dividídevos en grupos de maneira que a cada grupo lle corresponda un número determinado de características.
    1.    Modo de comunicación: a mensaxe prodúcese coa boca e recíbese co oído. Tamén pode darse a canle manual-visual, ou da escritura.
    2.    Transmisión difundida e recepción dirixida: na fala emítese unha mensaxe que se espalla en todas as direccións e que pode ser escoitada por calquera; con todo, o sistema auditivo humano permite a identificación do lugar de onde provén.
    3.    Transitoriedade: a mensaxe humana é temporal; as ondas esvaécense e a mensaxe non persiste nin no tempo nin no espazo.
    4.    Desenvolvemento interlocutivo ou intercambiabilidade: un falante, en condicións normais, pode tanto emitir como recibir mensaxes.
    5.    Retroalimentación total: o falante pode escoitarse a si mesmo no intre no que emite unha mensaxe. Isto é importante para a realización correcta da fala.
    6.    Especialización: os órganos que interveñen na fala, aparte de servir para as súas funcións fisiolóxicas correspondentes, están especializados para a fala.
    7.    Semanticidade: o significante correspóndese cun significado en particular. É un elemento fundamental de calquera método de comunicación.
    8.    Arbitrariedade: non existe correlación entre o significante e o significado.
    9.    Discreticidade: as unidades básicas son separables. Un oínte pode oír ou "t" ou "d", e independentemente de que o escoite ben distinguirá ou unha ou outra.
    10.    Desprazamento: pode facerse referencia a situacións ou obxectos que non se sitúan por indicación no tempo (agora...) e no espazo (aquí...).
    11.    Dobre articulación ou dualidade: por un lado, os elementos que non posúen significado (fonemas) si serven para distinguir significados (capa / casa) e, por outro lado, os elementos que non posúen significado (fonemas) agrúpanse en unidades superiores (morfemas) que si posúen significado (can, anti-, -eira) e que se poden agrupar infinitamente.
    12.    Produtividade: as regras da gramática permiten a creación de novos enunciados que xamais foron creados, pero que poden ser entendidos.
    13.    Transmisión cultural: a linguaxe humana é un produto dunha evolución histórica e transmítese entre xeracións.
    14.    Prevaricación: a mensaxe pode ser intencionadamente falsa.
    15.    Función metalingüística: a linguaxe humana permite emitir mensaxes referidas a si mesma (p.ex. O galego é unha lingua románica).

28. Investiga que son o esperanto, o ido e a interlingua. Por que cres que non triunfan estas iniciativas dunha lingua universal de comunicación? Xustifica a túa resposta. Debatede na aula sobre esta cuestión. 



29. As palabras no texto son tratadas como un produto do mercado máis. Cres que isto poderá chegar a ser posible algún día? Por que? Debatede sobre esta cuestión.

A cabeza voadora

 
Adaptación cinematográfica do relato de Séchu Sende realizada por Alessandra Gómez González e Inés Fernández Méndez 
do Club de Lectura "Colegas das palabras" do IES Julio Prieto Nespereira de Ourense.

14. Este texto require para a súa comprensión unha  lectura literal, unha lectura metafórica ou ambas as dúas? Xustifica a túa resposta.

15. Sinala o tema e conta a historia coas túas palabras.

16. A quen está retratando esta historia? Que significado concreto ten esa cabeza que se afasta cada vez máis do corpo para se volver pousar sobre os ombreiros? 

17. Neste texto podedes comprobar como con só un parágrafo podemos contar toda unha historia que reflicte asemade a de moitas persoas. Inventa un texto curto no que tamén retrates un comportamento común na sociedade actual. 

18. Realizade unha adaptación en vídeo deste texto de Séchu Sende.

Instrucciones para aprender a hablar gallego



129. Hai moitas persoas coma ti e coma min que nun momento determinado deciden que queren poñerse a falar galego pero  atopan un impedimento nas persoas do seu redor.
Consideras que a presión do grupo pode ser en moitas ocasións o motivo de que as persoas non falen galego?
No teu caso, cres que terías presión exterior en contra de que falases só en galego?

130. OBXECTIVO1DG. Pregúntaste que significa iso de OBXECTIVO1DG, pois saberalo de seguida, trátase dun experimento que vos animamos a facer. Realmente é sumamente sinxelo, só se atoparon extraños casos de persoas que non o puideron levar a cabo. OBXECTIVO1DG consiste en permanecer un día, isto é, 24 horas, nin un minuto menos, comunicándonos en galego e rexistrando as reaccións dos nosos semellantes. Durante a xornada de experimentación procuraremos desenvolver unha vida normal e só teremos dous obxectivos:
1º Obxectivo: manternos monolingües en galego, se non consegues chegar ao final rexistra o número de horas da túa marca.
2º Obxectivo: rexistrar as reaccións dos demais segundo sexan positivas ou negativas cara ao galego.
Unha vez rematada a xornada volverémonos a reunir e poñeremos en común as nosas vivencias para coñecérmonos a nós mesmos e tamén para coñecer as actitudes do noso entorno cara ao galego.

131. Despois de ler o texto realiza unha adaptación en vídeo como se se tratase dun titorial no que lle hai que ir explicando polo miúdo ás persoas o que deben facer.



132. As linguas non son realidades abstractas carentes de dereitos, como produto cultural básico do ser humano como tal tamén son obxecto de dereitos e protección lexislativa.


A Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos (publicada en Barcelona en 1996, baixo o  auspicio da UNESCO) postula que todas as linguas son a expresión dunha identidade colectiva e dunha maneira distinta de percibir e describir a realidade, xa que logo, teñen que poder gozar das condicións necesarias para o seu desenvolvemento en todas as funcións.
Cando isto non é así, falamos de que son necesarios procesos de normalización lingüística ou revitalización lingüística, como acontece no caso do galego.
Hai moitas persoas que por descoñecemento cren que os procesos de normalización ou revitalización son imposibles e que unha vez principiado o abandono dunha lingua é irremediable a súa desaparición. Pero isto non é así, saíndo fóra da península Ibérica, temos moitos exemplos destes fenómenos en linguas como o hebreo, o maorí ou o hawaiano entre outras. Investiga cal é a situación destas tres linguas.

133. En 2009, no IV Encontro de Novos Escritores, Séchu Sende no seo dunha mesa redonda facía a seguinte afirmación: "O futuro do galego será neofalante, ou non será".
a) Que cres que quere dicir con estas palabras?
b) Concordas con esta idea? Xustifica a túa resposta.
c) Cres que en Galicia será posible a recuperación lingüística do galego nos ámbitos onde se deixou de usar. Xustifica a túa resposta.

134. Observa o Decálogo para ser lingüísticamente sostibles, este traballo está realizado por Mónica Muñoz e Adelia Troncoso a partir do decálogo elaborado por un grupo de estudo de linguas das universidades de Cataluña co gallo da declaración do ano 2008 como Ano Internacional das Linguas por parte da ONU.


Cres que este decálogo está ben feito e que se poden aplicar todos os seus consellos?

135. Inventade entre todos e todas un decálogo que poidades aplicar na aula para serdes máis galegofalantes.

Falar



117. Que punto de vista adopta o narrador en primeira persoa no texto? Que vantaxes ofrece este punto de vista? Se Clara puidese decidir, que cres que decidiría?

118. Cales cres que poden ser as razóns dos pais de Clara para lle falaren diferente? Na túa casa falades todos a mesma lingua? E os teus avós, en que lingua falan? Todos falan sempre a mesma lingua ou ás veces cambian? Cando se producen eses cambios? En que lingua se lles fala aos nenos na túa familia? Se na túa familia os maiores falan entre eles en galego e lles falan castelán aos fillos, por que cres que os maiores fan iso? 

119. Segundo Clara, falar facilita moito as cousas. Cres que facilita igual as cousas falar en galego ca en castelán? Por que? Exemplifica as túas argumentacións con casos concretos.

120. Clara di que "quere practicar" e que "ten medo" de que cando vaia falar por primeira vez lle saia mal. Cres que estes dous tipos de temores son comúns aos neofalantes? Que lle dirías ás persoas que afirman que non se lanzan a falar galego porque cren que o fan mal e porque teñen medo á reacción dos demais? 

121. A distribución da lingua inicial indica a vitalidade das linguas. Se os pais non lles transmiten a súa propia lingua aos fillos, o proceso de substitución está en marcha e invertelo resulta complexo. Os pais danlle prioridade á lingua que cren que facilita en maior medida o éxito social sobre a que serve de vehículo identitario e cultural do grupo. Fíxate na seguinte táboa cos últimos datos de lingua inicial en Galicia.


As columnas en verde indican os resultados do Mapa Sociolingüísitico Galego de 1992 e as columnas en laranxa os do mapa de 2004.
Que conclusións tiras á vista destes datos?




E á vista destes? Que relación se establece entre tipo de hábitat e uso lingüístico?

De manterse a tendencia destas estatísticas, que cres que acontecerá no futuro?

122. Esta é unha creación de Séchu Sende para a campaña  Orgullos@s do galego da Coordinadora de galega de equipos de normalización e dinamización lingüística.




Cres que ese anuncio por palabras pode ser real? Cres que hoxe en Galicia se pode educar a un fillo en galego e que manteña a súa lingua ao longo da súa vida? Xustifica a túa resposta.


123. Realizade unha adaptación en banda deseñada desta historia. Xa que narrativamente se adopta o punto de vista da nena, debedes tamén ter en conta isto para reflectilo na forma de enfocar a realidade nas viñetas.


124. Aquí tedes dúas adaptacións cinematográficas deste conto realizadas por Ana Moreiras, a primeira é un proxecto en vídeo e na segunda utiliza a animación.


Agora realizade vós unha nova proposta en vídeo desta historia.

Nin en soños vou perder eu a miña lingua

157. *As páxinas anteriores pertencen a TxT Espaciais (2006), unha moi útil obra de Cristina Grandío e Luís Teira onde comentan diversos textos de autores galegos contemporáneos. Grazas a que este traballo foi distribuído mediante licenza Creative Commons a través de Edugaliza hoxe podemos compartilo.

158. Por que cres que a Séchu Sende lle gusta escoller protagonistas infantís para as súas historias?  Terá isto algo que ver coa intencionalidade dos seus textos? Razoa as túas respostas.

159. Observade as seguintes adaptacións deste texto, a primeira é en vídeo e a segunda en animación mediante a utilización do programa xtranormal co que podedes crear as vosas propias curtas de animación.

A Editorial Avesta, de Istambul, a partir da tradución ao curdo do relato realizou esta curta.

Adaptación cinematográfica do relato de Séchu Sende realizada por Alessandra Gómez González e Inés Fernández Méndez 
do Club de Lectura "Colegas das palabras" do IES Julio Prieto Nespereira de Ourense.

160. Inventade vós novas propostas de creación cinematográfica baseándovos nesta historia.

Estou contigo

Fotografía de Pink Sherbet Photography en Flickr.

86. A quen se dirixe esta historia?

87. Cando o sabemos? Ata ese momento que é o que pensamos?

88. Se eliminásemos a última liña cambiaría a interpretación do texto?

89. Preparade unha lectura dramatizada do texto, logo escollede a mellor realizada e gravádea nun podcast para compartila na rede.

90. Explica a túa relación sentimental con cada unha das linguas que coñeces.

91. Por que motivos cres que Séchu Sende decidiu cerrar con este texto o libro?

92. Que relación garda este texto co significado xeral da obra?

93. A mocidade, os rapaces e rapazas coma ti, viven en Galicia de xeito diferente as súas vivencias coa lingua. Vede o documental Linguas cruzadas onde atoparedes como outros mozos e mozas afrontan esta cuestión.


94. E vós como vos levades co galego, realizade individualmente o test A lingua e ti que inventou Séchu Sende, e logo comentade se credes que o resultado reflicte a vosa relación real coa lingua. 

95. Elaborade o voso propio vídeo de linguas cruzadas onde recollades as vosas propias vivencias sobre o galego e o castelán en Galicia.

Sssssh

Imaxe de Contrast.

215. Ssssh é unha reflexión sobre a comunicación humana, e sobre as diferentes formas de levala a cabo. Indica diferentes formas de comunicación presentes no texto.


216. A protagonista elabora todo un código de signos xestuais para se comunicar coas persoas que a rodean. Agora ides realizar un traballo colaborativo consistente nunha exposición de colaxes sobre comunicación xestual. Fases de elaboración:
1ª fase: Collede unha cámara de fotos ou o voso móbil e realizade o voso propio catálogo de signos xestuais. Deben aparecer como mínimo os seguintes: aburrimento, alegría, anoxo, bico, noxo, preocupación, sexy, sono, sorpresa, sospeita.
2ª fase: Recompilade todas as fotografías e agrupádeas polo tipo de expresión: aburrimento, alegría, anoxo, bico, noxo, preocupación, sexy, sono, sorpresa, sospeita.
3ª fase: Elaborade dez paneis de gran tamaño cos seguintes títulos: Morro de aburrimento / Estoupo de ledicia / Estou anoxad@ contigo / Regáloche un bico / Que noxo! / Onde están as chaves? / Ummm, cada día estás mellor! / Caio co sono / Que sorpresa!  / Quen o fixo? En cada panel pegaredes as fotografías correspondentes a esa expresión.
4ª fase: Colocaredes os paneis na vosa aula ou preferentemente nun lugar público do instituto para amosar o resultado do voso traballo. 
5ª fase: Se queredes podedes facer unha montaxe en vídeo da vosa exposición mediante a sucesión rápida das imaxes ou calquera outra técnica que decidades. 

217. Ademais, no texto tamén atopamos unha reflexión sobre as distintas necesidades de comunicación que cada un ou unha de nós temos. Como cualificarías ti as necesidades de comunicación da protagonista? Identifícaste con ela neste sentido? As túas necesidades comunicativas son maiores ou menores? Escribe unha listaxe das persoas coas que falas ao longo do día. Logo escribe outra listaxe coas persoas coas que realmente cres que te comunicas. Que diferenzas atopas entre unha listaxe e outra, con que criterios seleccionas as persoas coas que te comunicas. Nestas listaxes usaches o termo comunicación no seu sentido lingüístico de transmisión de información ou utilizaches o termo con outro significado? De ser así, explica con cal.

218. Elabora unha adaptación en podcast da historia de Séchu Sende.

219. Este texto convídanos ao estudo das onomatopeas. Investiga que é unha onomatopea e cales son os seus usos máis frecuentes.

Imaxe de borkur.net en Flickr.

220. As onomatopeas son un recurso fundamental na linguaxe da banda deseñada. Agora ides realizar un traballo colaborativo consistente na elaboración dunha presentación ou vídeo mediante a recompilación de onomatopeas visuais. Para isto é conveniente que vos repartades en tres grupos:
Grupo 1 - (o que necesita menos membros) procurarán exemplos de onomatopeas en Internet, preferiblemente imaxes con licenza compartida (Creative Commons). Os arquivos que atopen clasificaranos en cartafoles segundo o significado da onomatopea e numeraranos. Logo, nun arquivo de texto, incluirán  unha táboa cos seguintes datos: o número  de cada arquivo de imaxe, o cartafol no que está incluído o arquivo en función do significado da onomatopea e a referencia, isto é, a autoría da imaxe (co enderezo linkeado) e o lugar onde se pode atopar. Aquí tes un exemplo da táboa.

Grupo 2: procurarán exemplos de onomatopeas nos fondos da vosa biblioteca escolar (fundamentalmente nos cómics). Unha vez atopados, escanearanos adxudicándolle a cada arquivo un número, logo levarán a cabo unha clasificación como a realizada polo Grupo 1 coas imaxes provenientes de Internet. A diferenza do Grupo 1, neste caso deberán indicar na referencia o autor, título e ano da publicación de procedencia.
Grupos 1, 2 e 3: Realizarán paralelamente un traballo de invención de novas onomatopeas.
Grupo 3: O terceiro grupo asumirá o labor de montaxe da presentación ou vídeo. En primeiro lugar deberán recompilar o material dos outros grupos e reordenalo por cartafoles semellantes para despois, unha vez unificados os cartafoles, ordenalos segundo o tipo de significación. É importante que no produto final queden claras as significacións das diferentes onomatopeas.

221. Elabora unha adaptación en banda deseñada da historia de Séchu Sende.

222. Agora tócache escribir a ti. Debes inventar unha historia que cumpra as seguintes condicións:
a) Extensión mínima de 300 caracteres.
b) Que manteña un argumento lóxico.
c) Que conteña o máximo número de onomatopeas.
Escollede as dúas mellores historias e realizade con elas un podcast ou unha banda deseñada.

acción!

[Fotografía de Pete Prodoehl]

Ao lermos varios dos textos de Made in Galiza éntranos a sensación de estar vendo unha curtametraxe. Pois ben, se vedes que agroma a vosa alma cinematográfica continuade nesta sección e teredes a oportunidade de vos converter en verdadeiras estrelas da pantalla.
Ven por aquí

EU nunca serei yo

Rapaz manifestándose en Compostela a favor do galego.

110. Investiga que é un microconto. Logo argumenta por que podemos considerar este texto un microconto.

111. Os pronomes persoais eu e yo neste texto non teñen o seu significado gramatical habitual senón que adquiren unha nova significación. Explica todo o que poden significar eu e yo neste contexto.
Cartel en Aturuxo! (Boiro) baseado na frase do conto de Sechu Sende coa imaxe do cadro O berro de Edvard Munch.
112. En 2007 o xornal Galicia Hoxe facíalle unha entrevista a Séchu Sende, nela podemos atopar o seguinte:
Que quere dicir a frase ‘Eu nunca serei yo’?
Foi a orixe do libro. Foi un verso dun poema. Regaleille á miña moza unha camiseta con ese verso. É un verso contra a colonización cultural, na tradición da poesía de resistencia. Quen proclama iso anuncia que forma parte dunha cultura que non se vai deixar asoballar nin desaparecer.
Coincide a intención do escritor coa que ti lle atribuíches ao texto? Cal é a diferenza ou diferenzas?

113. Este microconto funciona a xeito de lema. Segundo a Wikipedia, un lema é unha frase, xeralmente curta, que trata de impulsar unha idea como base dunha actividade, empresa, sociedade, etc. como "Citius, altius, fortius: 'Máis rápido, máis alto, máis forte' que é o lema en latín dos xogos olímpicos. Inventade novos lemas que sirvan para a defensa do galego.

114. Esta frase ademais de ser unha defensa do galego indica tamén unha reafirmación na defensa do propio, do más íntimo que son eu, a miña propia persoa. 
En 2010, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística lanzou unha campaña publicitaria baseándose nesta idea.



O que se pretendía transmitir con esa campaña é o seguinte:
Que ter unha lingua propia é unha SORTE, non unha desgraza, é un ORGULLO, non un problema...
Porque hai quen se empeña en ver, ou en facer ver, o galego coma un problema, e non o é, é un motivo de ORGULLO.
Por iso lanzamos esta campaña, para PRESUMIR do que somos, do que temos, do noso, para FACHENDEAR da nosa lingua.
E ese orgullo a nós xa nos vén de vello, e herdámolo de moitos que se esforzaron antes ca nós pola lingua, pero queremos que se estenda e que dure, por iso deseñamos esta campaña non como algo puntual, senón coma unha campaña que nos gustaría que fose duradeira no tempo, igual ca o ORGULLO de ter unha lingua propia, un patrimonio que debemos conservar.
O ORGULLO por ter unha lingua de futuro que –se queremos– podemos utilizar en todos os ámbitos.
O ORGULLO por ter unha lingua que nos abre camiños á comunicación con millóns de persoas no mundo.
O ORGULLO de ter unha lingua de noso.

a) Observa agora estes catro vídeos da campaña e contesta para cada un a estas preguntas: Cal é o obxectivo xeral? Cal é o ámbito de normalización que pretende? Cres que deixa clara a súa mensaxe? Que provoca en ti así de primeiras?
 




b) Cres que esta campaña ten razón no que di? 
Se a túa resposta é Si vai a c).
Se a túa resposta é Non vai a d).
c) Cres que o estudo desta campaña vai cambiar en algo o teu comportamento lingüístico? 
Se a túa resposta é Si, explica en que cres que o vai cambiar.
Se a túa resposta é Non vai a e).
d) Razoa con argumentos a túa resposta negativa.
e) Dis que cres que a campaña ten razón pero que non vas cambiar en nada, se falas galego sempre non fagas nada máis. Se non falas galego sempre intenta explicar o porqué da túa contradición.

115. Se estás de acordo coa campaña elabora un argumentario de por que ti nunca serás tu. Logo podedes sumar os vosos argumentarios e montalos en banda deseñada, podcast ou vídeo. Se o desexades tamén lle podedes enviar o voso material á Coordinadora de Equipos para que o publicite (correo@coordinadoraendl.org).

116. Deseñade diferentes camisetas co lema de Séchu Sende.