Mostrar mensagens com a etiqueta de preto. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta de preto. Mostrar todas as mensagens

Curtametraxe

Pexegos de Xornal Certo en Flickr.
80. A estrutura da narración é aberta ou cerrada? Que final lle escribirías ti á historia?

81. Este conxunto de catro textos chámase curtametraxe porque constitúen o guión dunha produción cinematográfica dese tipo. Pois propoñémosvos que fagades con eles a curta para a que foron creados.
Tede en conta o que é unha escena e procurade respectar a división en catro escenas deseñada por Séchu Sende.

Unha imaxe vale máis


232. O texto ensínanos como a lingua galega, simbolizada no conto co álbum de fotos, vale máis que calquera ben material, xa que é un vínculo co noso pasado.

233. Observa esta liña do tempo da vida de Séchu Sende realizada por Ana Moreiras.



Agora leva a unha liña do tempo o álbum de fotos que ti herdas da túa familia.
Logo podedes colgar na rede as vosas liñas do tempo e comprobar como, aínda que coincidiredes en moitos sucesos, tamén cada unha vai ser diferente pola propia historia familiar. Haberá quen saiba de moitos anos atrás e haberá quen só coñeza os feitos máis recentes como lle acontece a moitos rapaces e rapazas adoptados, trátase de que a liña de cada un conteña os seus momentos e lugares importantes.

234. Realizade colaborativamente unha historia en imaxes do voso concello a través dos seus veciños, para iso recompilade fotografías das vosas familias e de festas e reunións colectivas, logo podedes situalas nunha liña do tempo ou montalas en vídeo por orde cronolóxica. Logo podedes comentar como ademais de cambiar a fisionomía das persoas tamén foi mudando o hábitat por influencia da acción humana.

Unha palabra común



240. Cal é o significado xeral do texto?

241. Le estas palabras do texto:
"Aprendín moi cedo que son única, que ningunha outra palabra pode substituírme, como nos pasa a todas as palabras do mundo."
a) Concordas con esta afirmación?
b) Cres que se refire a unha substitución de palabras entre diferentes idiomas ou dentro do mesmo idioma?
c) Se se trata dunha substitución dentro do mesmo idioma, daquela que función desempeñan os sinónimos?

242. No texto establécense dous tipos de palabras alleas, os préstamos e os castelanismos, en que se diferencian? Cal é papel de cada un deles dentro da nosa lingua?

243. Sinala cal foi a estratexia de invasión dos castelanismos no seo da sociedade (clases sociais, ámbitos profesionais, localización xeográfica...).

244. Cal é actitude final? É positiva ou negativa? Onde reside o segredo para impedir a invasión dos castelanismos?

245. Realizade unha adaptación en vídeo desta historia.

Unha muller e un home no camiño

Home-Muller, obra de Vidal Maiquez.

235. Neste relato Séchu Sende volve xogar coa alteración dos planos temporais. Explica como o fai.

236. Que resultados estéticos consegue o autor con eses xogos temporais?

237. Existe unha comunicación real entre ese home e esa muller que se atopan nun punto do espazo? Xustifica a túa resposta.

238. Sabes que idade poden ter os protagonistas? E que relación pode existir entre eles? Especula sobre diferentes posibilidades.

239. A muller e o home continúan o seu camiño pero ao día seguinte lembran vagamente esa persoa coa que se cruzaron. Continúa ti a historia.

Os homes das sulfatadoras

Fotografía de aquí.

212. Cal é o significado do texto?

213. É un exemplo de arte pola arte ou de literatura de denuncia? Se é un texto de denuncia, localiza os elementos onde esta se atopa. Que denuncia o texto? En caso contrario, xustifica a túa resposta.

214. Que papel desempeña o azul no texto? Ten connotacións positivas ou negativas? Con que outras cores contrasta no texto? Que representan esas cores?

O país que falaba

Deseño sobre fotografía de kom-bo en Flickr.

187. Coñeces xente que marchase do país? Onde foron? Que contan deses lugares?

188. Que suxire a palabra "emigrante"?

189. Cal é a diferenza fundamental entre viaxar a un país ou emigrar a un país?

190. Cres que se establece unha relación especial entre un individuo e o lugar onde medra? Intenta explicar en que consiste.

191. Que representan as hamburguesas no relato?

192. Realizade unha adaptación desta historia en banda deseñada.

O ladrón de palabras

Johnny Depp en Piratas do Caribe.
176. Que personaxes se caracterizan por levar un coitelo ao cinto e un dente de ouro? Trátase de personaxes literarias, cinematográficas ou reais? Procura exemplos para ilustrar a túa resposta.

177. Que aspecto ten o ladrón de palabras? Séchu utiliza moitos ou poucos trazos físicos para describir o ladrón de palabras? Cres que son suficientes? Que representa o dente de ouro? Xustifica a túa resposta.

178. O ladrón de palabras escolle as súas vítimas? Compórtanse todas igual? Que diferenzas podes establecer? Poderías relacionar o comportamento das vítimas coa defensa secular do galego?

179. Cres que os cartos ou o que eles representan están relacionados co abandono do galego por parte dalgúns falantes? Xustifica a túa resposta.

180. Recompila as respostas que lle van dando os asaltados ao ladrón de palabras. Que che suxire a lectura desas respostas?

181. Esta historia é unha parábola. Investiga que é unha parábola e explícao coas túas palabras. Explica tamén por que podemos considerar esta historia unha parábola e cal sería a súa mensaxe.

182. Busca algunha parábola e prepárate para expoñela oralmente na aula aos teus compañeiros e compañeiras que deberán adiviñar que ensinanza pretende transmitir.

183. Que fixo a xente para protexer as palabras?

184. Hai moitas persoas que pensan que as galegas e galegos abandonaron voluntariamente a súa lingua porque non lles gustaba ou porque non lles caía ben. Isto non pasa nunca con ningunha lingua, sempre hai unha explicación para o abandono lingüístico. Convidámoste a que leas a seguinte presentación da asociación en defensa do galego Prolingua onde se aclaran 20 mentiras que se soen crer sobre o galego. Fíxate especialmente na primeira porque está directamente relacionada co que aquí estamos a tratar.

185. Cando se descobre un tesouro ou un castro que se perdera todo o mundo o reclama para si dicindo é meu ou é noso, é parte do meu/noso pasado e queremos conservalo e facemos obras de rehabilitación e llo ensinamos aos demais e fachendeamos. Se ti descobres agora o galego porque non o reclamas para ti e fachendeas del? Comentade as vosas respostas na aula. 

186. As linguas ao longo da historia teñen tamén os seus propios problemas de supervivencia. Ser lingua non é fácil e isto serve non só para a realidade galega. Linguas que hoxe son ensinadas nas nosas Escolas de Idiomas tiveron momentos críticos na súa historia e se non os tivesen superado e hoxe non serían o que son. Foi o que pasou en Portugal, na Inglaterra ou na Italia. Ás veces, é algunha das súas variedades a que sofre unha situación diglósica, é o caso do español en Porto Rico, o francés no Quebeque, o alemán na Alsacia e o holandés na Flandres.
 


Como verás no documento da exposición Ser lingua non é fácil elaborado polo Equipo de Normalización Lingüística da EOI de Ourense, existen varios condicionamentos sociais que poden provocar que unha comunidade perda a súa lingua.
Despois de leres o documento, cal foi a situación que te sorprendeu máis? Poderías enumerar de memoria as principais causas de desaparición dunha lingua?

O home que agardaba que lle dixesen o que tiña que facer

Fotografía de Tomás Fano en Flickr.

172. Cal é a mensaxe deste texto?

173. Que papel lles outorga o autor aos medios de comunicación neste relato?

174. Cres que na vida moderna estamos desenvolvendo hábitos de lecer que alienan o individuo? Argumenta a túa resposta con exemplos.

175. Ti es dos que sabe o que ten que facer ou precisas alguén que cho diga? Xustifica a túa resposta.

O can de Sabucedo

Maternidade (1953) de Olga Blinder


165. Que conta a historia?

166. Cal é a traxedia da tía María?

167. Cres que ten cambiado moito no último século a posición da muller na sociedade? Xustifica a túa resposta.

168. A que época se refire o autor cando fala daqueles "tempos que a xente prefire olvidar"?

O cabalo e a néboa

Cabeceira de Galicia Encantada, enciclopedia en liña sobre a Fantasía Popular de Galicia.


161. Cal é a historia que se conta neste texto?

162. Pertence ao mundo da realidade ou a un mundo onírico? Xustifica a túa resposta.

163. En que se diferencian un conto e unha lenda? Que personaxes lendarias coñeces?

164. Procura unha lenda galega que che guste e prepárate para llela contar oralmente aos teus compañeiros e compañeiras.

Nh positivo

Fotografía procedente de O guindastre.

152.  Neste texto o autor reflicte a problemática normativa a través da discusión entre os grafemas "ñ" e "nh". A quen representa o ñ? E o nh?

153. Investiga que é o lusismo e resúmeo coas túas propias palabras. Entre outras fontes, podes atopar información no Portal Galego da Língua.
 Neste vídeo podes ver unha actividade do alumnado do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces consistente na repartición de poesía lusófona por toda a súa vila.

154. Despois de leres o texto e de investigares o que é o lusismo cal é a túa opinión sobre esta cuestión normativa do galego?

155. Agora convidámoste a que leas a seguinte entrevista que lle realizaron a Séchu Sende en agosto de 2010 a raíz da publicación da súa obra Animais. Fíxate especialmente naquelas preguntas relacionadas co reintegracionismo e logo contesta as seguintes cuestións. Que pensas do que di Séchu Sende na entrevista? Cres que a súa postura sobre a cuestión normativa é excluínte ou aglutinadora? Mudou coa lectura da entrevista a túa opinión sobre o reintegracionismo? Debatede sobre este tema na aula.


156. Realizade unha curta sobre esta historia con algunha técnica de animación.

Método de autohipnose para falar galego



145. Se queres probar o método de autohipnose para falar galego de Séchu Sende, vai a esta ligazón e segue as instrucións, nunca falla!


Na imaxe pódese ver unha sesión onde o eminente profesor Sende aplica as súas técnicas de autohipnose.


146. Sinala todas as características propias da linguaxe propagandística que atopes neste anuncio.


147. Cres que falar en galego pode depender só de ti ou necesitas axuda? Razoa a resposta.

Madrith

Fotografía de Felipe Gabaldón en Flickr.
141. Probablemente este texto de Séchu Sende teña a súa orixe noutro anterior, na Fábula del castellanoparlante, unha carta ao director dun xornal publicada no ano 1989. Le os dous textos:
a) Que coincidencias atopas?
b) E diferenzas?
c) Cres que os motivos para escribir estes textos con vinte anos de diferenza son os mesmos? Cres que variou ou non a situación dos galego falantes para educar os seus fillos en galego? En caso afirmativo explica os cambios que cres que se produciron.

142. Que tipo de situación lingüística describe o texto? Xustifícao con exemplos do texto.

143. O autor válese da parodia como recurso humorístico para denunciar unha situación real. En que consiste unha parodia? Enumera as dificultades que se atopa a protagonista do texto para desenvolver a súa vida en castelán. Cres que ten razón nas súas queixas? Aplica estas mesmas situacións no caso galego. Acontece o mesmo? Por que cres que o que considerariamos un despropósito para o castelán é algo  maioritariamente aceptado como normal para o galego?

144. Realizade unha adaptación en podcast deste texto, tede en conta que ao se tratar dunha parodia sería interesante que salientárades especialmente as características fonéticas e as curvas de entoación para conseguir mellores efectos humorísticos. 

Laboratorios sociais de normalización lingüística


136. En moitas ocasións o punto de vista é o que marca a diferenza na obra literaria, o punto de orixinalidade que nos leva a adoptar unha óptica determinada. Neste texto estamos ante un deses casos, cal é o punto de vista?

137. En cal das catro secuencias textuais básicas clasificarías este texto (narración, descrición, argumentación ou exposición)? Segundo isto, estariamos ante un texto científico ou técnico? Xustifica a túa resposta con datos tirados do texto.


138. Que características lingüísticas podemos salientar no texto? Para responder fíxate no tipo de palabras que predominan, no tipo de léxico, no tipo de enunciados, na estrutura...


139. Lede o seguinte texto:
EXPECTORANTE DA RABIA E CALMANTE DA FURIA - é da autoría de Cristina Blanco, María Naveira, Andrea Rivera e Cristina Roel, alumnas de 1º de Bacharelato Tecnolóxico do IES As Mariñas de Betanzos en xuño de 2010.  Nel poderás ver un exemplo de como partindo deste relato do libro de Séchu Sende crearon unha nova proposta literaria en forma de prospecto médico na que o galego asume o papel de medicamento.

140. Inventa un texto con esta mesma óptica narrativa  mais con outro centro de interese, podes escoller entre un dos tres seguintes: o amor, un lugar ou un invento novo. 

Eu fixen ouigha co espírito de Castelao

104. Aquí tedes dúas curtametraxes baseadas neste relato de Made in Galiza.
A primeira foi realizada no IES Leliadoura durante o curso 2007-08, froito dun Obradoiro Audiovisual organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, Impinxidela, e impartido pola cooperativa Fungo, de Boiro. Para ver máis vídeos de Impinxidela clica aquí.



A segunda foi gravada e estreada no IES Neira Vilas de Oleiros con motivo da visita de Séchu na Semana Intercultural 2010, o 18 de marzo.


105. Se aínda tes ganas de atreverte coa ouigha, visita o blog de Sechu clicando aquí e sigue as instrucións.



106. Inventa unha historia na que a través dunha ouigha entres en contacto con personaxes históricas galegas.

107. Logo podedes escoller as mellores historias e realizardes unha adaptación cinematográfica.

108. De que forma o autor consegue introducir o humor no relato?

109. Por que cres que se poñen en contacto con Castelao e non con outra persoa calquera? Que imaxe tes ti de Castelao?

Estudio sociolingüístico sobre a mocidade baixo os efectos das drogas


96. Neste texto utilízanse dous rexistros de lingua claramente diferenciados. Cales son? Para que se emprega cada un? 

97. Localiza a través de que elementos o autor utiliza o humor e consegue provocar o riso. 

98. No vocabulario do relato podemos atopar léxico específico dun campo do saber. De cal? Que é un tecnicismo? Cales atopas no texto? Indica o seu significado.

99. Cres que as categorías que establece o relato se corresponden con actitudes reais na mocidade galega actual? Trátase de actitudes coherentes ou contraditorias? Xustifica a túa resposta.

100. Imos ver que imaxe de actitude lingüística proxecta cada un de nós. Partindo da listaxe do alumnado da aula, cada persoa vai ir adxudicándolle a cada compañeiro ou compañeira unha das categorías do estudo para ver que categoría cremos que predomina na aula. O resultado é positivo ou negativo cara ao galego? 

101. Agora trátase de que ti avalíes a túa propia actitude. Identifícaste con algunha das categorías do estudo? Existe diferenza entre a clasificación que ti mesmo e aplicas e a que che aplicou o resto da aula? En caso afirmativo, a que cres que pode ser debido iso?

102. Se non tes claro aínda como che vai coa lingua ou se cres que xa estás de volta da lingua tamén deberías ler a obra de Séchu Sende Guía sexual da sociolingüística porque sempre está ben saber diso de como se introducen as linguas.

103. Realizade unha adaptación en vídeo desta historia, é moi importante que traballades ben a interpretación dos diferentes rexistros lingüísticos.

Dióxenes

Fotografía de rahego en Flickr.


82. Cal é o tema do texto?

83. De seguro terás oído que cando se realizan determinadas obras como por exemplo o trazado dunha autoestrada ou a construción dunha industria é obrigatorio realizar un estudo de impacto ambiental. Sabes realmente para que serve este documento e que é o que estuda? Investígao. 


84. En que outros textos do libro apreciamos a preocupación ecolóxica do autor.


85. Actividade de A marela tarabela.

As nubes

Ciclonubista de Séchu Sende.

69. Que significados pode ter a pregunta final do texto?

70. Que relacións se establecen entre o tipo de nube e o estado anímico?

71. Realiza unha adaptación da historia en tira cómica.

As linguas de fume

Fotografía de elmpixie en Flickr.

65. O autor engádelle un elemento máxico ou extraordinario ao consumo de cannabis por parte dun grupo de mozos. Cal é ese elemento? 

66. Que tipo de sentimento xera en ti esta pequena escena?

67. Como consegue o autor transmitir o sentimento de grupo?

68. Escribe unha historia na que sexa importante o sentimento de grupo.

A superficie das palabras

Fotografía de arquera en Flickr.

54. Adrián Nimo quería ser un descubridor de sona mundial. Elaborade unha listaxe de grandes descubridoras e descubridores da historia.

55. Filoloxía vén de FILO "amigo" e LOGO "palabra". Indica outros termos que conteñan estes elementos e sinala o seu significado.

56. O profesor Nimo compara a superficie das palabras do galego coa doutros idiomas? Con cales? Onde se falan eses idiomas?

57. As linguas flexivas, nas que as palabras poden conter prefixos e sufixos, terán as palabras máis longas ou máis curtas? Xustifica a túa resposta.

58. No texto cítanse varios alfabetos, cales? Que é un alfabeto? Investigade a orixe dos diferentes alfabetos.

59. Que características da entrevista podemos atopar no texto?

60. Realizade unha versión en podcast do texto.