Outro mundo é posible

Este blog contén unha unidade didáctica de lectura creada en 2010, debido ao paso do tempo e á desconexión dalgunhas webs e aplicacións neste tempo, hai elementos contidos na versión orixinal, principalmente animacións, que na actualidade xa non é posible ver. En todo caso, a intención primeira do traballo era achegar principalmente o alumnado xa non á lectura da obra senón tamén ao seu aproveitamento máis aló da lectura amosándolle que outro mundo é posible e o galego ten presente e futuro.

Curtametraxe

Pexegos de Xornal Certo en Flickr.
80. A estrutura da narración é aberta ou cerrada? Que final lle escribirías ti á historia?

81. Este conxunto de catro textos chámase curtametraxe porque constitúen o guión dunha produción cinematográfica dese tipo. Pois propoñémosvos que fagades con eles a curta para a que foron creados.
Tede en conta o que é unha escena e procurade respectar a división en catro escenas deseñada por Séchu Sende.

Despois de leres o libro

[Fotografía da autora]

Agora que xa remataches o teu camiño con Made in Galiza chega o momento da recompilación e da valoración do que supuxo para ti a lectura desta obra tanto a nivel literario como a nivel persoal. Propoñémosvos unha serie de cuestións que podedes desenvolver a nivel persoal pero tamén a nivel grupal na aula ou club de lectura.

246. Divertiute a lectura da obra?

247. Cres que aprendiches algo?

248. Cres que influíu na túa forma de ver a realidade? 

249. O Equipo de Normalización do IES de Melide elaborou esta presentación sobre a saúde do idioma.

Realizade unha mesa redonda co seguinte título: "A situación do galego, presente e futuro".


250. Cres que agora entendes mellor a problemática do galego na sociedade? 

251. Apeteceríache quedar para tomar algo co autor? Por que?

252. Por que cres que este libro ten tanto éxito dentro e fóra de Galicia? 

253. Recomendarías este libro? Xustifica a túa resposta.

Antes de leres o libro

[Fotografía da autora]

  •  Made in Galiza en galego
Escrito por Séchu Sende e publicado por Galaxia, foi o gañador do Premio Ánxel Casal ao libro do ano 2007 concedido pola Asociación Galega de Editores.
O seu éxito de público é indiscutible, proba disto é que chegou ás seis edicións en tan só tres anos e agora xa vai na reimpresión da 7ª edición.
  • Made in Galiza noutras linguas
Portada do libro en curdo.
O 17 de maio de 2010 saía a tradución ao curdo de Made in Galiza baixo do título Di xewnan de jî ez ê zimanê xwe winda nekim ('Nin en soños vou perder a miña lingua') nunha edición de tres mil exemplares. En tan só dous meses (xuño e xullo) esgotou xa tres edicións.

Ademais da edición en curdo, varios relatos do libro foron traducidos ao bretón, o checo, o croata, o ruso, o galés, o éuscaro, o asturiano, o catalán ou o inglés. Isto fai que lectores e lectoras de todo o mundo se poidan achegar aos seus textos.

4. Investigade onde se fala cada unha destas linguas, a súa situación legal e o número de falantes.
Onde se fala curdo?  É lingua oficial? Onde? Cantos falantes ten?
Onde se fala bretón? É lingua oficial? Cantos falantes ten?
Onde se fala checo? É lingua oficial? Onde? Cantos falantes ten?
Onde se fala croata? É lingua oficial? Onde? Cantos falantes ten?
Onde se fala ruso? É lingua oficial? Onde? Cantos falantes ten?
Onde se fala galés? É lingua oficial? Onde? Cantos falantes ten?  

5. Se miras o título de que cres que pode tratar este libro?

6. A que lle poderías aplicar a etiqueta Made in Galiza? Realizade entre todas e todos unha listaxe Made in Galiza.

7. Gústache a fotografía da capa? Que che suxire?

Fábula del castellanoparlante

FÁBULA DEL CASTELLANOPARLANTE

En mi ya largos años de vida en Galicia he observado que si no sabes hablar gallego estás perdido en esta tierra, porque nadie te respeta, nadie te entiende y te consideran un pobrecito paleto (...) cuando no un sospechoso extremista de carácter español. La discriminación es brutal. Todos los documentos oficiales se escriben en gallego, igual que los contratos privados o públicos y la correspondencia privada, empresarial, publicitaria u oficial. A los niños se les obliga a estudiar todas las asignaturas en gallego, menos dos (una de ellas la Lengua española).
Las televisiones y los canales de radio emiten exclusivamente en gallego y los periódicos, como es evidente, niegan espacio a los textos en castellano, relegados en exclusiva al ámbito cultural. Todos los juicios han de celebrarse en gallego y es muy raro que te autoricen un traductor al castellano (...). En las tiendas no se pueden comprar ordenadores porque su lenguaje es el inglés o el gallego (...). Los nombres de las calles de ciudades como La Coruña están rotulados en el idioma colonizador. (...) te miran con desprecio o a lo sumo como un pájaro exótico si te expresas en la lengua de Cervantes (...). Las misas, rezos y homilías se hacen en gallego únicamente. No entiendo el empeño de los ciudadanos de esta tierra por imponer una lengua que (...) no es la propia de Galicia.
Tanta colonización ha provocado en nosotros un histórico complejo de inferioridad hasta el punto de que padres castellano hablantes educan a sus hijos en gallego.
Felisa Conde Pena, “Cartas al director”,
La Voz de Galicia, 21.11.1989

Guía sexual da sociolingüística por Séchu Sende



Normalmente a primeira vez que outra persoa entra no noso corpo, ou a primeira que nós entramos dentro doutra persoa, é coa lingua. Si, pode ser que antes lle chuchemos o dedo a alguén ou que lle mordamos o lóbulo da orella, mais son as nosas linguas as primeiras que nos exploran por dentro en serio, de verdade. A nosa lingua é unha das principais vías para o coñecemento humano.
Por iso é difícil esquecer a primeira vez que lle metes a lingua a alguén, a primeira vez que unha lingua entra na túa boca. Porque non deixa de ser a primeira vez que lle permitimos a outra persoa entrar dentro nosa. Ao descubrirmos a nosa intimidade, coa lingua expresamos a nosa identidade.
A que non sabías que durante un beixo se moven 29 músculos? E que os batimentos cardíacos aumentan de 70 para 150 e melloran a oxixenación do sangue? Si, o beixo beneficia o corazón. E ademais adelgaza. Nun bo morreo gastamos preto de 12 calorías!
Tamén é importante saber que o morreo é cousa de dous. Un morreo é un diálogo entre papilas gustativas, entre a lingua e o ceo do padal, entre o cuspe e os dentes. E nun diálogo entre dúas persoas hai que dar e recibir, ofrecer e aceptar, avanzar e retroceder, facer ruído e gardar silencio, entrar e saír. Morrear é unha das máximas expresións da comunicación humana.
O proceso de normalización da lingua galega é un proceso comunicativo conflitivo. Os axentes sociais máis críticos denunciamos a ineficaz política lingüística da administración, o desprezo dos media ou a eficacia da escola para desgaleguizar as novas xeracións. É un proceso no que o enfrontamento e a queixa son continuos. A perda da lingua é un drama, abofé. Mais que pasaría se ligásemos o discurso da normalización da lingua ao pracer? Se falásemos desde o discurso da satisfacción e a analoxía do bico? Un pouco de humor tamén é necesario e podemos falar de cousas serias cun sorriso nos labios. Estabamos falando de beixos con lingua… Eis a Guía Sexual da Sociolingüística.


1. Exixamos para a nosa lingua o mesmo pracer do que goza calquera lingua.
2. Se aínda nunca o fixeches busca alguén con quen te sintas cómoda ou cómodo e adiante! Aínda que ás veces facelo con persoas descoñecidas, así de súpeto, resulta mellor.
3. O proceso de normalización é un proceso social que parte de cada persoa e que se basea no intercambio de comunicacións. Podemos facer moitas cousas en solitario…, mais non nos podemos morrear a nós mesmas.
4. Se teu pai e túa nai non che aprenderon nin che dixeron como se fai, non pasa nada… Aínda estás a tempo de aprender pola túa conta.
5. Sobre este tema sempre houbo –e hai– tabús, falsos mitos, pouca información e moita ignorancia… Pasa dos prexuízos doutros tempos e adiante.
6. Hai xente á que lle gustaría probar porque intúen que lles vai gustar mais..., dálles corte! Non te acovardes, desinhíbete e goza coa lingua.
7. Aínda hai xente que pensa que darlle á lingua non é fino e xente que pensa que é un pouco vulgar…. He, non teñen nin idea!
8. A lingua é un instrumento imprescindíbel para relacionármonos, integrarnos, darnos a coñecer e coñecer xente. Sen non usas a lingua fechas portas. Non sexas pechado ou pechada.
9. Pode ser un rollo dunha noite. Ou unha relación para toda a vida.
10. A eficacia da lingua depende da práctica. A lingua mellora co uso. Ninguén nace aprendido!
11. Hai persoas que teñen problemas psicolóxicos que lles impiden darlle á lingua con normalidade. Eses problemas –identificados pola Sociolingüística como diglosia, autoodio…– teñen solución.

12. Hai persoas que teñen problemas ideolóxicos que dificultan ou impiden o uso natural da lingua. Esas problemas teñen máis difícil solución…
13. Isto tamén é un feito cultural. Respecta a cultura da túa sociedade. Se vivísemos no polo norte entre esquimós sería normal dármonos os beixos chocando o nariz.
14. Hai persoas que consideran que a súa lingua é máis útil, máis áxil, máis atractiva e mellor. A ignorancia non ocupa lugar.
15. O morreo, como a lingua, non diferencia ás persoas, é democrático: non debe discriminar por idade, raza, sexo, clase social ou lugar de nacemento.
16. É bo para a saúde e para a túa calidade de vida persoal e social. Unha habilidade necesaria no mundo de hoxe.
17. Hai quen pensa que son as linguas as que lles dan prestixio ás persoas cando realmente somos as persoas as que prestixiamos ou desprestixiamos a nosa lingua. E se nós non valoramos a nosa lingua, quen o vai facer?
A lingua é a mellor forma de descubrirnos e descubrir outras persoas. O mellor é ter como obxectivo vivir a nosa lingua como a nosa sexualidade: de forma libre, satisfactoria, consciente, responsábel e saudábel. Con normalidade!
Da relación da Sociolingüística co sexo oral falaremos noutro momento.

O autor na rede

Séchu Sende lendo un texto de Made in Galiza na VIII Forxa Literaria na Solaina de Piloño.

A maioría do material dispoñible sobre o autor na rede poderédelo atopar na entrada dedicada ás Fontes utilizadas na elaboración da guía, ou nas múltiples entrevistas en diferentes medios de comunicación dispoñibles a través dos buscadores.
Aquí recollemos aquelas páxinas que dunha forma máis directa teñen que ver co autor.

  • Made in Galiza - blog de Séchu Sende, en activo desde o 5 de xullo de 2007.




Publicacións e premios


Séchu Sende é un autor polivalente que ata agora, e con éxito, tocou en cada publicación un xénero diferente, poesía, narrativa longa, narrativa curta e álbum ilustrado.

En 1998, estréase en solitario co libro de poemas Odiseas.

Cinco anos máis tarde, en 2003, gaña coa novela Orixe o Premio Blanco Amor de narrativa.


Deixará pasar catro anos, ata quitar á luz en 2007 o libro de relatos curtos, Made in Galiza, ata o de agora o seu maior éxito que vai xa pola súa sexta edición en 2010. Esta obra recibiu o Premio Anxel Casal ao Mellor Libro do Ano, concedido pola Asociación de Editores Galegos.


En decembro de 2007 recibe o II Premio a artigos normalizadores do concello de Carballo na súa terceira edición pola columna Guía sexual da sociolingüística publicada en Vieiros en maio dese mesmo ano.

En xullo de 2010 presenta o que ata agora é o seu último traballo, o álbum Animais publicado por Através Editora, unha obra onde amosa o conflito entre a natureza e o progreso mal entendido.

Agradecementos

Imaxe da Aula dos Acivros.

Quero desde aquí agradecerlle á Asociación de Escritores en Lingua Galega a oportunidade que me ofreceron de desenvolver este traballo e a súa enorme comprensión nos prazos de entrega. Tamén, coma sempre, o meu agradecemento ás alumnas e alumnos que me axudan a situar nas aulas aquelas ideas que eu proxecto e ás compañeiras e compañeiros que me permiten de xeito xeneroso aproveitarme do seu traballo e me axudan a mellorar o que fago.

Fontes

Fontes empregadas na elaboración desta guía de lectura con aproveitamento directo dos seus materiais:
* Hai moitas imaxes que carecen de pé indicando a autoría porque no proceso de elaboración da guía se perderon as referencias, se alguén atopa o seu traballo e desexa que apareza a a procedencia que envíe os datos a pilarponte.ensino@gmail.com En caso de que non considere apropiada a súa inclusión que envíe unha mensaxe a ese enderezo de correo electrónico e será retirado de inmediato.

Instrucións de uso

De cara ao estudantado, a guía estrutura o traballo en catro fases:
  • Achegamento ao autor - Pestana Séchu
  • Achegamento aos textos - Enlace Lista de textos ou estudo a través das diferentes seccións do menú (de preto, nube de palabras, + lingua, penso, á escoita, BD, acción!).
O traballo cos textos nesta guía de lectura está pensado para ser levado a cabo de dúas formas diferentes:
Mediante o traballo en función dos textos. Para iso ofrécese unha listaxe dos textos con indicación da páxina que ocupan no libro e enlace directo ás actividades baseadas en cada un deles.
Mediante o traballo en función dos procedementos. Para iso ofrécese en cada unha das seccións (menú superior) unha listaxe dos textos que traballan cada un deses aspectos.
A guía de lectura divídese en 9 seccións que se distribúen do seguinte xeito:
  • Séchu – dedicada ao autor
  • o libro – dedicada á obra como produto editorial
  • de preto – dedicada ao estudo do texto literario
  • nube de palabras – dedicada á creación con palabras
  • + lingua – dedicada á análise sociolingüística
  • penso – dedicada a reflexións sobre diferentes aspectos
  • á escoita – dedicada á creación con sons, podcast
  • BD – dedicada á creación con imaxes, banda deseñada e tira cómica
  • acción! – dedicada á creación con imaxes, curtametraxe

Esta guía de lectura está concibida para o seu aproveitamento didáctico con alumnado que curse 2º ciclo da ESO e calquera dos dous cursos de BACHARELATO.

Ao longo da guía poderás atopar nela recursos e actividades relacionadas coa competencia/comprensión lectora que colaboran no proceso lector. Mais este traballo pretende ir máis aló e trascender a propia lectura para integrar tamén a aprendizaxe lingüística, a alfabetización tanto informacional coma dixital e a aprendizaxe dos comportamentos humanos en sociedade. Desde este punto de vista, o libro convértese nunha plataforma cara a outro tipo de contidos que por veces non son literarios nin sequera artísticos. Noutras ocasións, a obra literaria serve como ponte cara a outras artes nas que tamén se pretende o desenvolvemento do alumnado.

A numeración correlativa das actividades do blog facilita o seguimento da guía para quen estea interesado en todos os apartados. Con todo, convén sinalar que esta guía de lectura NON ESTÁ DESEÑADA para que un mesmo grupo de persoas realice todas as actividades que contén.

A correcta utilización da guía implica unha selección das actividades segundo os intereses específicos de cada nivel e grupo. 

Este material didáctico axústase ao contido do Decreto 133/2007, do 5 de xullo que ten por obxecto establecer a ordenación xeral e o currículo da educación secundaria obrigatoria e ao contido do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. 

Esta obra é propiedade da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Saúdos da autora. 

Pilar Ponte Patiño (A profa)

Unha imaxe vale máis


232. O texto ensínanos como a lingua galega, simbolizada no conto co álbum de fotos, vale máis que calquera ben material, xa que é un vínculo co noso pasado.

233. Observa esta liña do tempo da vida de Séchu Sende realizada por Ana Moreiras.



Agora leva a unha liña do tempo o álbum de fotos que ti herdas da túa familia.
Logo podedes colgar na rede as vosas liñas do tempo e comprobar como, aínda que coincidiredes en moitos sucesos, tamén cada unha vai ser diferente pola propia historia familiar. Haberá quen saiba de moitos anos atrás e haberá quen só coñeza os feitos máis recentes como lle acontece a moitos rapaces e rapazas adoptados, trátase de que a liña de cada un conteña os seus momentos e lugares importantes.

234. Realizade colaborativamente unha historia en imaxes do voso concello a través dos seus veciños, para iso recompilade fotografías das vosas familias e de festas e reunións colectivas, logo podedes situalas nunha liña do tempo ou montalas en vídeo por orde cronolóxica. Logo podedes comentar como ademais de cambiar a fisionomía das persoas tamén foi mudando o hábitat por influencia da acción humana.

Unha palabra común



240. Cal é o significado xeral do texto?

241. Le estas palabras do texto:
"Aprendín moi cedo que son única, que ningunha outra palabra pode substituírme, como nos pasa a todas as palabras do mundo."
a) Concordas con esta afirmación?
b) Cres que se refire a unha substitución de palabras entre diferentes idiomas ou dentro do mesmo idioma?
c) Se se trata dunha substitución dentro do mesmo idioma, daquela que función desempeñan os sinónimos?

242. No texto establécense dous tipos de palabras alleas, os préstamos e os castelanismos, en que se diferencian? Cal é papel de cada un deles dentro da nosa lingua?

243. Sinala cal foi a estratexia de invasión dos castelanismos no seo da sociedade (clases sociais, ámbitos profesionais, localización xeográfica...).

244. Cal é actitude final? É positiva ou negativa? Onde reside o segredo para impedir a invasión dos castelanismos?

245. Realizade unha adaptación en vídeo desta historia.

Unha muller e un home no camiño

Home-Muller, obra de Vidal Maiquez.

235. Neste relato Séchu Sende volve xogar coa alteración dos planos temporais. Explica como o fai.

236. Que resultados estéticos consegue o autor con eses xogos temporais?

237. Existe unha comunicación real entre ese home e esa muller que se atopan nun punto do espazo? Xustifica a túa resposta.

238. Sabes que idade poden ter os protagonistas? E que relación pode existir entre eles? Especula sobre diferentes posibilidades.

239. A muller e o home continúan o seu camiño pero ao día seguinte lembran vagamente esa persoa coa que se cruzaron. Continúa ti a historia.

Um lugar sem palavras



227. Por que cres que ás persoas aventureiras do mundo desenvolvido as atrae tanto o feito de estar en lugares onde nunca antes chegara outro occidental?

228. Investiga cal é a problemática do curdo.

229. Como se comunican os habitantes de Varba? Indica diferentes sistemas de comunicación non verbal que coñezas.

230. Que pensas ti da promesa heroica de silencio realizada polos habitantes de Varba mentres non lles devolven a súa lingua?

231. Realizade unha adaptación en vídeo desta historia.

Os homes das sulfatadoras

Fotografía de aquí.

212. Cal é o significado do texto?

213. É un exemplo de arte pola arte ou de literatura de denuncia? Se é un texto de denuncia, localiza os elementos onde esta se atopa. Que denuncia o texto? En caso contrario, xustifica a túa resposta.

214. Que papel desempeña o azul no texto? Ten connotacións positivas ou negativas? Con que outras cores contrasta no texto? Que representan esas cores?

O país que falaba

Deseño sobre fotografía de kom-bo en Flickr.

187. Coñeces xente que marchase do país? Onde foron? Que contan deses lugares?

188. Que suxire a palabra "emigrante"?

189. Cal é a diferenza fundamental entre viaxar a un país ou emigrar a un país?

190. Cres que se establece unha relación especial entre un individuo e o lugar onde medra? Intenta explicar en que consiste.

191. Que representan as hamburguesas no relato?

192. Realizade unha adaptación desta historia en banda deseñada.

O ladrón de palabras

Johnny Depp en Piratas do Caribe.
176. Que personaxes se caracterizan por levar un coitelo ao cinto e un dente de ouro? Trátase de personaxes literarias, cinematográficas ou reais? Procura exemplos para ilustrar a túa resposta.

177. Que aspecto ten o ladrón de palabras? Séchu utiliza moitos ou poucos trazos físicos para describir o ladrón de palabras? Cres que son suficientes? Que representa o dente de ouro? Xustifica a túa resposta.

178. O ladrón de palabras escolle as súas vítimas? Compórtanse todas igual? Que diferenzas podes establecer? Poderías relacionar o comportamento das vítimas coa defensa secular do galego?

179. Cres que os cartos ou o que eles representan están relacionados co abandono do galego por parte dalgúns falantes? Xustifica a túa resposta.

180. Recompila as respostas que lle van dando os asaltados ao ladrón de palabras. Que che suxire a lectura desas respostas?

181. Esta historia é unha parábola. Investiga que é unha parábola e explícao coas túas palabras. Explica tamén por que podemos considerar esta historia unha parábola e cal sería a súa mensaxe.

182. Busca algunha parábola e prepárate para expoñela oralmente na aula aos teus compañeiros e compañeiras que deberán adiviñar que ensinanza pretende transmitir.

183. Que fixo a xente para protexer as palabras?

184. Hai moitas persoas que pensan que as galegas e galegos abandonaron voluntariamente a súa lingua porque non lles gustaba ou porque non lles caía ben. Isto non pasa nunca con ningunha lingua, sempre hai unha explicación para o abandono lingüístico. Convidámoste a que leas a seguinte presentación da asociación en defensa do galego Prolingua onde se aclaran 20 mentiras que se soen crer sobre o galego. Fíxate especialmente na primeira porque está directamente relacionada co que aquí estamos a tratar.

185. Cando se descobre un tesouro ou un castro que se perdera todo o mundo o reclama para si dicindo é meu ou é noso, é parte do meu/noso pasado e queremos conservalo e facemos obras de rehabilitación e llo ensinamos aos demais e fachendeamos. Se ti descobres agora o galego porque non o reclamas para ti e fachendeas del? Comentade as vosas respostas na aula. 

186. As linguas ao longo da historia teñen tamén os seus propios problemas de supervivencia. Ser lingua non é fácil e isto serve non só para a realidade galega. Linguas que hoxe son ensinadas nas nosas Escolas de Idiomas tiveron momentos críticos na súa historia e se non os tivesen superado e hoxe non serían o que son. Foi o que pasou en Portugal, na Inglaterra ou na Italia. Ás veces, é algunha das súas variedades a que sofre unha situación diglósica, é o caso do español en Porto Rico, o francés no Quebeque, o alemán na Alsacia e o holandés na Flandres.
 


Como verás no documento da exposición Ser lingua non é fácil elaborado polo Equipo de Normalización Lingüística da EOI de Ourense, existen varios condicionamentos sociais que poden provocar que unha comunidade perda a súa lingua.
Despois de leres o documento, cal foi a situación que te sorprendeu máis? Poderías enumerar de memoria as principais causas de desaparición dunha lingua?

O home que agardaba que lle dixesen o que tiña que facer

Fotografía de Tomás Fano en Flickr.

172. Cal é a mensaxe deste texto?

173. Que papel lles outorga o autor aos medios de comunicación neste relato?

174. Cres que na vida moderna estamos desenvolvendo hábitos de lecer que alienan o individuo? Argumenta a túa resposta con exemplos.

175. Ti es dos que sabe o que ten que facer ou precisas alguén que cho diga? Xustifica a túa resposta.

O home aforcado

Fotografía de gaelx en Flickr.


169. Esta historia retoma o tópico literario da morte por amor. Procura outros exemplos na historia da literatura onde trate o mesmo tema.

170. A morte neste texto vese como algo agradable ou desagradable? Xustifica a túa resposta.

171. Sufriches algunha vez por amor? Elabora un texto en primeira persoa no que describas o que sentiches ou cres que pode sentir alguén cando sofre por amor.